Thursday 02 de May de 2024

Empezan en Moeche as obras do futuro centro de transformación alimentaria


A empresa Obras Gallaecia SL. comezou hai escasos días os traballos para converter a antiga nave dos queixos de San Ramón no espazo que acollerá o centro comarcal de transformación alimentaria impulsado por Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño. A obra, na que se investirán 135.357,76€, foi contratada polo Concello de Moeche como titular das instalacións, aínda que contará con cerca dun 80% de financiamento da Deputación da Coruña. De feito, unha vez estea en marcha e totalmente equipado -para o que se dispón doutra axuda cercana aos 120.000 euros de fondos Leader- agárdase que funcione en rede con outros centros de “coworking” xa abertos en Ames, Boiro, Brión, Carballo e Oleiros. A remodelación desta nave da feira significa o arranque dun proxecto no que se leva traballando tres anos e que persegue dinamizar o medio rural a través da transformación de excedentes agrogandeiros e de accións formativas que mostren como sacarlles partido.

Os traballos iniciados recentemente avanzan a bo ritmo. De momento non se nota moito cambio, polo menos desde fóra, xa que neste arranque da obra a actividade céntrase na demolición dos mostradores de cemento e na retirada de cascallos das paredes, de onde tamén se están quitando os azulexos. Do que se trata é de deixar o recinto totalmente diáfano para empezar logo a verdadeira transformación dun edificio que levará distintas divisións interiores -sala de elaboración, almacén, oficina, aseos, cámara frigorífica, etc.- e que nunha parte gañará un andar máis para acoller a sala de extracción do mel. Ademais tamén se lle renovará a cuberta, instalaránselle ventanais illantes e, no exterior, acondicionaráselle o perímetro para que sexa perfectamente accesible e para que a edificación se integre na pequena trama urbana de San Ramón, como parte do proceso de rehabilitación de todo o recinto feiral emprendido polo Concello.

O proxecto é unha iniciativa de ámbito comarcal que busca facilitarlle á pequena produción unhas instalacións axeitadas e con todos os aparellos precisos para a conservación e envasado de horta, froita, zumes e mesmo mel. Na práctica funcionará como unha pequena planta de elaboración de excedentes agrogandeiros dotada de todo o necesario para garantir a calidade do produto final e unha absoluta seguridade alimentaria. A idea botou a andar hai máis de tres anos, aínda que empezou a dárselle corpo a finais de 2018 coa sinatura dun acordo entre Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño de cara a deseñar unha proposta máis elaborada e cun alcance territorial máis amplo.

O convenio subscrito entre os catro municipios limítrofes foi decisivo para obter a máxima puntuación na convocatoria do programa Leader xestionado polo GDR Seitura 22, pero tamén para recabar financiamento doutras administracións, como foi o caso da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural, quen asumiu os custes do proxecto.

A Deputación da Coruña achegou 103.000 euros para as obras, pero o investimento total superará amplamente os 200.000, xa que despois de acabar coa estrutura será necesario adquirir e instalar todo o equipamento. A iso destinaranse as axudas europeas, que ascenden a 119.600 euros.

A parte que agora se está executando foi licitada polo Concello de Moeche como titular das instalacións. Ao concurso presentáronse catro empresas, entre as que resultou adxudicataria Obras Gallaecia SL. cunha oferta de 135.357,76 euros -111.865,92 euros máis ive- e o compromiso de completar os traballos nun prazo máximo de 66 días.

Este ano non haberá feira das fabas (nin tampouco a do queixo)
En relación co desenvolvemento rural e coa actividade en San Ramón, hoxe tamén se coñeceu que o Concello non vai levar adiante a feira das fabas que tocaría celebrar o sábado que vén. A actual situación sanitaria e a dificultade para garantir que se cumpran as medidas preventivas levaron ao consistorio a non organizar o evento nin tampouco a feira do queixo que se agardaba poder retomar no outono despois de ter que suspendela en marzo, tan só uns días antes da declaración do primeiro estado de alarma. En calquera caso ambos programas -que xa estaban pechados ou moi avanzados- resérvanse para o ano que vén.

Con todo, malia non haber feira das fabas como tal, no último mercado do mes, o do día 31 de outubro, si haberá á venda legume de Moeche levada por varios produtores e produtoras locais. Tampouco haberá a degustación, aínda que si petiscos coa faba como protagonista servidos con cada consumición polo bar das instalacións.